Sunday 05 de May de 2024

O CLIA proporalle ao Concello de Moeche desenvolver crear un circuito temporal de educación viaria no recinto de San Ramón


O Consello Local da Infancia e a Adolescencia convocou para este sábado pola mañá unha xuntanza coa alcaldesa e a concelleira responsable de Infancia e Mocidade co obxectivo de expoñerlles un proxecto no que levan traballando desde principios de ano, centrado na educación viaria. A idea á que están dándolle forma pretende implicar o consistorio na posta en marcha dun circuíto temporal no recinto da feira de San Ramón no que a rapazada poida aprender a desenvolverse con seguridade na vía pública, poñéndose tanto no lugar de quen conduce un vehículo e como no de quen transita polas beirarrúas e os pasos peonís. Para iso a proposta contempla unha parte formativa ofrecida por adultos -normas de circulación, sinais, precaucións…- pero tamén que haxa sinalización horizontal e vertical e polo menos dous minicoches para que a experiencia sexa o máis próxima á realidade.

Despois de semanas traballando nesta iniciativa, as nenas e nenos do CLIA teñen as liñas mestras máis ou menos definidas, pero aínda faltan aspectos por concretar para os que solicitarán axuda do Concello, doutras entidades de Moeche e tamén de particulares que teñen coñecemento sobre a materia.

O lugar no que pensaron é a explanada da feira, aínda que o emprazamento definitivo non está decidido por agora, e a petición para o Concello é que colabore facéndose co material necesario -principalmente a sinalización e os coches- e botando unha man na coordinación, da que se encargaría a propia rapazada con axuda de membros da Escudería Moeche, de persoas relacionadas co mundo do motor e das asociacións que queiran sumarse ao proxecto. Tamén se quere contar con Pedro Caneiro, un dos policías locais que se encarga da educación viaria no Concello de Narón.

Destas cuestións falarase este sábado pola mañá nun encontro por videoconferencia no que participarán Beatriz Bascoy e Cristina García -responsable de Infancia e Mocidade-, xunto co propio Caneiro, representantes do CEIP San Ramón e de asociacións socioculturais do municipio.

A concelleira da área sinala que “é un proxecto moi ambicioso e penso que de grande utilidade educativa” no que o Concello se compromete a colaborar “dentro das posibilidades que ten”. Neste sentido, Cristina García comenta que unha das funcións do CLIA é implicar a rapazada e a mocidade na gobernanza do territorio e que, por ese motivo, “os nenos e nenas tamén deben ser conscientes de ata onde pode chegar a colaboración municipal e, se é necesario, reformular o alcance da súa idea para que se poida levar a cabo”.